martes, 11 de marzo de 2014

Viaxe cara ás novas tecnoloxías



No vídeo que se nos propón que comentemos, Jordi Adell fai un resumo sobre que se entende por competencia dixital. O primeiro que lle vén a un profesor/a á cabeza cando escoita estas dúas palabras é a avaliación personalizada das competenciasbásicas que se debe facer de cada alumno ó comezo e ó remate do curso. A maioría das veces, o “Tratamento da información e competencia dixital” avalíase de maneira intuitiva, sen ter en conta todo o que isto engloba.
Como todas as competencias básicas contempladas no currículo actual, a competencia dixital implica saber facer, efectuar unha tarefa con eficacia nun determinado contexto. Para conseguir isto, é necesario mobilizar coñecementos, habilidades e actitudes de maneira integrada, pois a competencia dixital implica competencia informacional, competencia tecnolóxica, alfabetizaciónsmúltiplas, competencia cognitiva xenérica e cidadanía dixital. Xa que logo, o ensino obrigatorio debe ser a canle principal para a adquisición dunha competencia dixital activa. Evidentemente, a casa e a familia tamén xogan un papel importante, pois os mozos/as de hoxe nacen coas novas tecnoloxía debaixo do brazo e cando chegan ó ensino obrigatorio, xa contan con bastantes coñecementos tecnolóxicos, que, tanto pais/nais como docentes, deben axudar a canalizar, desenvolver e mellorar, de xeito que estes rapaces/as sexan capaces de traballar criticamente con información, de crear nova información, de aprender e comprender novas linguaxes e de coñecer e pór en práctica os seus deberes e dereitos como cidadáns/ás dixitais, e todo isto manexando as diferentes ferramentas tecnolóxicas.
Mais para conseguir os obxectivos relacionados coas novas texnoloxías que se explicitan no currículo, sería necesario dotar os centros de ensino dos medios necesarios para que o alumnado puidese traballar con información e logo convertela en nova información e difundila. Por un lado, os nosos centros non contan cos “cacharros” (como di o entrevistado) necesarios para conseguir formar tecnoloxicamente o alumnado; por outro lado, tampouco a maioría dos docentes está preparada para ensinar sobre e coas TIC, pois non só falta formación nesta materia (moitas veces voluntaria), senón que a rapidez con que se producen os avances dificulta á posta ó día. Isto non debería de ser un problema nin argumentarse como xustificación por parte do profesorado, pois é certo o que di Jordi Adell cando afirma que a formación nas novas tecnoloxías do profesorado debe ir paralela á do alumnado. É innegable que o que ós nosos alumnos/as lles resulta atractivo son os móbiles, os ordenadores, os e-readers, as tabletas, os vídeos, a TV... ou calquera aparello novidoso, de maneira que mentres que non se incorporen de verdade estes medios no proceso de aprendizaxe, o fracaso escolar non diminuirá. O profesorado é un factor determinante para que isto se faga realidade; por iso debemos avanzar á par da tecnoloxía para captar o interese do noso alumnado, para que o mundo no que viven sexa a partir do cal aprendan e sobre o cal aprendan. Déamoslle á volta o método de ensino e deixemos de ser nós os protagonistas para que co apoio das novas tecnoloxías os alumnos/as pasen a un primeiro plano. Somos profesores/as do século XXI, non nos comportemos como se estivésemos ensinando no século XX.

Fontes interesantes sobre o tema:
https://www.boe.es/buscar/doc.php?id=BOE-A-2007-238 (Decreto competencias básicas ESO)
https://www.youtube.com/watch?v=uS2ScSPtJV0 (Competencia dixital e exemplos para integrala nas aula.
https://www.youtube.com/watch?v=V_HOIsP-Ix8 (Crítica ó sistema de competencias básicas).

Ningún comentario:

Publicar un comentario